Wednesday 15 de May de 2024

O Consello Regulador impartiu un seminario formativo a futuros profesionais da hostalería do CIFP Compostela


Sonia Otero dirixiu a sesión, na que participou alumnado do Ciclo Superior de Dirección de Servizos en Restauración

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia continúa o seu programa de formación a futuros profesionais do sector da restauración. Nesta ocasión, a enóloga Sonia Otero desprazouse ás instalacións do CIFP Compostela para impartir un seminario a un total de 17 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Dirección de Servizos en Restauración.

A sesión combinou nocións teóricas e prácticas, destacando en todo momento as características diferenciadoras dos destilados autenticamente galegos. Neste sentido, a tamén vogal do Consello Regulador incidiu na importancia de comprobar que os augardentes e licores leven algunha das contraetiquetas, xa que son “as únicas que garanten a súa orixe e calidade”.

Unha calidade que o alumnado puido comprobar a través da degustación comentada de sete destilados. En primeiro lugar, degustáronse tres augardentes amparados pola IX Augardente de Galicia. “Cada un deles foron elaborados con variedades distintas de uva”, explicou Otero. A través das distintas fases de cata (visual, olfativa e gustativa), puideron comprobar os diferentes matices que achegan variedades como a albariño, a mencía e a híbrida da zona do Ulla.

O destilado que máis sorprendeu ás persoas asistentes foi a Augardente de Galicia envellecida. “Trátase dun produto non demasiado coñecido, pero que se pode equiparar aos grandes brandis”, concretou a vogal do Consello Regulador, quen tamén animou ao alumnado a suxerir posibles maridaxes con cada unha das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Durante a sesión, Sonia Otero tamén compartiu detalles básicos a ter en conta á hora de servir os destilados autenticamente galegos. “Débense tomar en copa de tulipa ou, na súa falta, en copa de balón ou mesmo de viño, pero nunca en vaso de chupito… E moito menos con xeo ou moi fríos, xa que se estarían disfrazando os cheiros e sabores do produto, así como posibles defectos”, explicou a enóloga.

A degustación continuou coa comparativa entre a Augardente de Herbas de Galicia e o Licor de Herbas de Galicia. “Son os destilados máis complexos, xa que se poden elaborar cun amplo abano de especies para uso alimentario, polo que os seus matices poden variar moito”, indicou.

Para finalizar a sesión, catouse Licor Café de Galicia. Sobre este produto amparado, Sonia Otero lembrou ao alumnado asistente que “para a súa elaboración, só se pode utilizar café natural das variedades robusta e arábica. Está prohibido o uso de café de torrefacto”. Unha condición que tamén diferencia este destilado 100% galego doutros existentes no mercado. As persoas asistentes mostráronse gratamente sorprendidas co seu sabor e calidade, especialmente en comparación con outros que probaran con anterioridade.

“Un dos obxectivos dos nosos seminarios formativos é que os futuros profesionais do sector da restauración teñan coñecemento dos destilados amparados e que poidan diferencialos doutros que non o están. Na súa man estará aconsellar á clientela e, para iso, ofrecémoslles a información necesaria de primeira man”, conclúe Sonia Otero.